jueves, 5 de noviembre de 2009

IMOS COÑECER LITUANIA

O vindeiro sábado, 14 de novembro, e dentro das actividades do Proxecto Comenius que financia a Unión Europea, comeza a viaxe que levará ata Lituania a Paula Martínez Díaz, Adrián García Muíño, Luis Fdo. Cruz Ramos (3º ESO) e Andrea Ariño Vilariño (4ºESO), brillantes estudantes do IES “Maruxa Mallo” de Ordes. Con eles viaxará a Directora do Centro, Rosa Maceiras Miñán e a Coordinadora do Proxecto Isabel Mato Torres.
Durante a súa estancia dunha semana nese país terán oportunidade de coñecer moito da súa cultura e forma de vida, así como do seu sistema educativo, intercambiando información sobre estos temas. Poderán, asemade, poñer en práctica os seus coñecementos de inglés, pois esta será a lingua de comunicación.
Alí estarán tamén alumnos e profesores do Instituto polaco Zespól Szkol nº1 da cidade de Pszczyna, que son socios neste proxecto.

Mentras o profesorado dos tres países prepara detalladamente as actividades para o resto do curso, o alumnado convivirá con familias lituanas e asistirán a clases do Instituto “Atgimimo” da cidade de Druskininkai.
Pero os rapaces e rapazas de Ordes non chegarán alí coas mans baleiras pois levan con eles un magnífico vídeo onde presentan o seu Centro educativo así como o pobo de Ordes . Este vídeo foi realizado polo alumnado de Teatro coa colaboración de todo o instituto e dirixido con moito esforzo e tesón polos profesores Xosé Manuel Fernández Castro, profesor de Galego e Raquel Rendo Martínez, profesora de Tecnoloxía, e ámbolos dous expertos en medios de comunicación e imaxe.
Tampouco chegarán alí sen ningún coñecemento previo do país porque, tanto eles como o seus compañeiros de nivel, participaron activamente, e coa axuda de Internet, na procura da información necesaria para solucionar uns completísimos cuestionarios sobre Lituania elaborados polos profesores de Historia, Leopoldo Fernández Gasalla e José Martínez Crespo, que tamén conta coa versión inglesa feita polos mesmos estudantes nas clases de Inglés.
O Concello de Ordes, que amosou o seu desexo de colaborar co IES, enviará un agasallo institucional para o Concello de Druskininkai, que recibirá e dará a benvida ós visitantes galegos.
Durante a súa estancia no país visitarán diversos lugares turísticos e culturais.
E para que tomen boa nota de todo para contárllelo logo ós seus compañeiros e compañeiras todos dispoñerán dun ”Diario da Viaxe” preparado pola Coordinadora do Proxecto onde reflectirán tódalas súas experiencias coa familia, coa comida, co centro educativo e coa viaxe en xeral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario