viernes, 30 de octubre de 2009

O IES MARUXA MALLO COMENZA A SÚA PARTICIPACIÓN NUN PROGRAMA COMENIUS

O IES “Maruxa Mallo” de Ordes vai participar por primeira vez nun programa europeo Comenius xunto con outros dous centros educativos, un de Lituania e outro de Polonia.
O alumnado implicado dos tres países levará a cabo dous módulos de investigación: “Diversidade cultural e diálogo intercultural” neste curso e ”Os ECOeuropeos e a calidade de vida” no vindeiro.
Por medio deste proxecto preténdense mellorar, entre outras, as destrezas comunicativas nun idioma estranxeiro, o inglés, xa que tódolos traballos terán que estar nesta lingua, así como as competencias dixitais, posto que elaborarán un xornal on-line.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea o que permitirá, por unha banda, que diferentes grupos de alumnado e profesorado viaxen aos outros dous países, e, por outra banda, farán de anfitrións cando os socios lituanos e polacos veñan a coñecer esta parte de Europa. Os participantes do proxecto esperan adquirir amplos coñecementos sobre a cultura, estilo de vida e tradicións dos outros -aspectos bastante descoñecidos para unha gran maioría-, promovendo sempre o valor da diversidade, do respecto e da tolerancia cara ás culturas diferentes.
O Instituto conta coa colaboración de toda a Comunidade Educativa así como do Concello de Ordes e de empresas situadas no contorno.