martes, 30 de noviembre de 2010

COLABORAN NO NOSO PROXECTO...

SOGAMA (Sociedade Galega de Medio Ambiente) recibirannos a nós e aos nosos socios cando nos visiten no mes de marzo, alí coñeceremos a xestión medioambiental dos residuos que se fai na nosa comunidade.
Agradecemos a SOGAMA a súa importante colaboración co noso proxecto, recibíndonos nas súas instalacións e tamén aportando unha axuda económica para o desenrolo das nosas actividades.

domingo, 10 de octubre de 2010

Lituania, sábado 9 outubro

Tocou madrugar. Ás 8 da mañá comezou a volta á casa. Primeiro dúas horas en minibús desde Druskininkai ata o aeroporto de Vilnius. Ás 11.30 saíu o avión cara Helsinki e unha hora despois xa estabamos alí. Como o seguinte avión non saía ata as 5 da tarde tivemos tempo de comprar nas tendas do aeroporto finlandés, de xantar unha boa hamburguesa na maioría dos casos, e de facer contas con Isabel, que non nos perdonou nin unha Lita, porque quere que as contas lle cadren. Ás 5 en punto saímos cara Madrid nunha looooonga viaxe de algo máis de catro horas que se fixeron eternas. Nico non se cansaba de preguntar se faltaba moito. Pero ao chegar a Madrid agardábanos unha sorpresa: o voo a Santiago tiña retraso de polo menos unha hora!!! Así que armámonos de paciencia, tomamos algo no aeroporto, charlamos... e por fín ás 23.30 embarcamos rumbo ao noso fogar. Estabamos tan cansos que case todos quedamos durmidos antes de que o avión despegase!!! Cando nos demos conta xa estabamos saúdando ás nosas familias en Lavacolla e logo dunha breve charla con todos cada un marchou cos seus contando todas as aventuras desta magnífica semana.


Lituania, venres 8 outubro

Hoxe comezamos o día como auténticos artistas, creamos obras de arte con sal!!! E na compaña dun verdadeiro artista de renome desta zona que ten o seu taller nunha casa cunha paisaxe espectacular, como se pode ver nas fotos.

Despois visitamos 'Grutas Park', que nos serviu de lección práctica sobre o recente pasado do país cando estaba baixo o dominio de Rusia. Un veciño de Druskininkai decidiu recoller todas as estatuas de Stalin, Lenin e outros ditadores rusos que había por todos os pobos e cidades de Lituania e colocounas todas neste parque para que a poboación recorde o seu duro pasado e desta forma evitar que volva a repetirse. Cando decidiu levar a cabo este proxecto había moita xente en contra porque lles traía moi malos recordos e aínda hoxe moitos cidadáns lituanos non son capaces de entrar aquí.

A eso das tres da tarde tivemos a 'Cea de despedida'. Si, si, non é un erro, CEA ás tres da tarde! Xa estamos acostumados a este horario tan particular de comidas. Foi todo un evento: o alumnado nun comedor e o profesorado noutro. Pero antes de empezar a disfrutar da cociña lituana, fíxose entrega, con toda solemnidade, dos diplomas e regalos aos alí presentes.

A partir das cinco cada quen acabou o día como quixo: compras, paseos, xogos,...facer equipaxes e... creo que ninguén se perdeu o partido de fútbol entre España e Lituania, no que gañou España 3-1, como todo o mundo esperaba.

Lituania, xoves 7 outubro

Hoxe as profes empezaron o día traballando no proxecto Comenius e o alumnado visitando clases no colexio. Como puidestes ver nas fotos de onte agora temos estudantes e profes xaponeses no grupo. Esta mañá o alumnado nipón presentou diferentes traballos sobre o seu país e logo todos compartiron xogos populares das catro nacionalidades alí presentes. Despois de comer fomos ver o 'Forest Eco Museum' onde disfrutamos dun entorno excepcional, un bosque precioso cheo de esculturas de madeira e tivemos ocasión de coñecer a fauna desta parte de Lituania. Ía un frío tremendo!!! A continuación leváronnos ao Concello onde nos recibiu a Vicealcaldesa (o Alcalde estaba de viaxe) e intercambiamos regalos e saúdos. E para acabar o día da mellor maneira posible e para quitarnos o frío do corpo agardábanos o Aqua Park onde durante 3 curtas horas disfrutamos de todas as atraccións coas que conta este parque acuático. Saímos arrugados coma pasas!!! A ver que nos espera mañá.

miércoles, 6 de octubre de 2010

Lituania, mércores 6 outubro

Hoxe tocaba excursión de todo o día pola capital, Vilnius (Vilna). É unha cidade moi bonita. Primeiro visitamos a colina das Tres Cruces (Daniel non puido ir porque había que subir unha tremenda costa e logo baixar por un sitio con escaleiras e esbaradizo), e a continuación fixemos un percorrido pola cidade, entramos na catedral e nalgunha outra igrexa importante, paseamos pola rúa principal e tivemos algo de tempo para mercar regalos. Despois, pola tarde fomos ao impresionante Castelo de Trakai onde nos divertimos moito e fixemos moitas fotos.

martes, 5 de octubre de 2010

Lituania, martes 5 outubro

A sesión de hoxe empezou coa presentación Power Point por parte do equipo galego. O noso alumnado fixo unha introdución en inglés digna de ser gravada. O traballo consistía nunha comparación dos tres países implicados sobre a localización, poboación, xente importante, política, cultura...onde se plasma os coñecementos que os nosos rapaces e rapazas adquiriron ao longo do curso pasado sobre Lituania e Polonia. Á vista dos aplausos e parabéns recibidos cremos que foi todo un éxito.
Hoxe aquí era o "Teachers' Day", é dicir, o Día do Profesor e celébrano dunha maneira moi curiosa: os alumnos do último curso danlles clase aos do primeiro nivel perfectamente traxeados e engarabatados. Chamounos moito a atención que cada alumno lle daba unha flor ao seu titor.
Despois de xantar fixemos unha ruta a pé por Druskininkai para coñecer os lugares máis emblemáticos do pobo: río Némunas, embarcadeiro, a fonte da beleza, a estatua emblema do pobo, o mellor balneario, o lago, a praia... O pobre de Daniel fixo unha paréntese de relax mentras durou o paseo cargando pilas para a viaxe de mañá a Vilnius, capital de Lituania.

lunes, 4 de octubre de 2010

Lituania, luns 4 outubro

Esta mañá visitamos dous dos pobos máis famosos e bonitos dos arredores. Primeiro Merkine é un dos pobos máis antigos de Lituania e alí conflúen dous ríos, o Nemunas e o Merkys. A paisaxe quita a respiración. Daniel tivo que conformarse con velo desde abaixo da pequena colina.
O segundo pobo foi Liskiava na beira do río Némunas e, aparte da paisaxe, destaca un antigo mosterio dominico, de estilo barroco e con altares rococó.
Logo de xantar no comedor do colexio a directora do Instituto dounos a benvida e fixemos o habitual intercambio de regalos e logo ensinaronnos o centro. O resto da tarde foi para descansar e que os alumnos se relacionasen e coñecesen mellor.

domingo, 3 de octubre de 2010

Lituania, domingo 3 outubro

Unha da mañá, boa hora para chegar dunha longa excursión ata Klaipeda, costa lituana situada a "so" 5 horas en autobús. Cruzamos a Lagoa Coronian nun ferry para disfrutar dunha visita ao Museo do Mar e das dunas que forman parte dun bonito parque natural.

Tamén descubrimos como senta cear ás tres da tarde.

Entre outros lugares estivemos en: The Dead Dunes, Costa Negra, The Hill of Witches, Parnidis Dune, in Nida, Niringa... E xa podemos dicir que coñecemos o mar Báltico!

sábado, 2 de octubre de 2010

LITUANIA, Sábado, 2 octubre 2010

Viaxe Santiago- Madrid todo moi ben, pero aínda medio durmidos. Daniel foi tratado a corpo de rei, en silla de rodas a todas partes.
Viaxe Madrid- Helsinki tamén sobre horario previsto e un voo agradable aínda que o piloto pensou que eramos canguros na aterraxe. Preciosas vistas. Tempo soleado. Daniel sigue a corpo de rei.
Viaxe Helsinki-Vilnius case sen espera no aeroporto e nun avión que parecía de xoguete polo pequeno. Chegamos á hora exacta e o minibus levounos en 2 horas ata Druskininkai onde estaban agardando as familias. Boas noites que mañá temos que madrugar para ir á praia ao mar Báltico.

IMOS DE NOVO A DRUSKININKAI

Hoxe sábado 2 de outubro 6 alumnos/as e catro profesoras do IES Maruxa Mallo saíron cara a Druskininkai para seguir intercambiando experiencias cun centro educativo de Lituania e outro de Polonia e así continuar traballando no noso proxecto Comenius e publicando o noso e-journal.
Desexamos aos nosos embaxadores que aproveiten a experiencia, leven a cabo moitas actividades e coñezanan un novo país.
Esperamos noticias dos viaxeiros neste blog a partir da próxima semana.

sábado, 26 de junio de 2010

E case non chegamos a Ordes (Domingo 20 de Xuño)

(DESTA PARTE DA VIAXE NON HAI TESTEMUÑA GRÁFICA)
9:40. Hotel Axor Feria.
-Estamos todos preparados? Pois imos baixando...
-No cartel poñía que con estar dez minutos antes da hora era suficiente...
-Bah, total non estabamos facendo nada nas habitacións.

9:50 Hotel Axor Feria.
ISABEL: Estou empezando a poñerme nerviosa...
(...)
ISABEL: Hai demasiada xente esperando, como veña o autobús de 11 prazas, non cabemos.

9:55. Hotel Axor Feria.
ISABEL: E o autobús que non chega, imos perder o avión.
RAQUEL: Rapaces, achegádevos aquí, máis cerca de onde para o bus.

10:00. Hotel Axor Feria.
ISABEL: E nada, que non vén, mira que como tarde o mesmo que onte... imos perder o avión.
(...)
ISABEL: Pois imos perder o avión, non nos vai dar tempo a facturar...

10:05. Hotel Axor Feria.
ISABEL: Aí vén o bus, non cabemos.
CONDUTOR: Pero, aquí hai moita xente, non caben todos.
RAQUEL: Xa, pero nós temos reserva...

10:10 Hotel Axor Feria.
ISABEL: Non chegamos, non chegamos.
(...)
ISABEL: Ah! e por riba temos que agardar por eses que chegan retrasados. Nada, perdemos o avión.

10:35. Aeroporto de Barajas. T4.
RAQUEL: Temos que facturar nesas máquinas.
ISABEL: Pero, esa é a cola para entregar as maletas? Perdemos o avión...

10:40. Auto Check-in Iberia.
RAQUEL: Di que non atopa o avión correspondente a este localizador.
ISABEL (a un empregado de Iberia): A máquina non nos deixa facturar. Somos un grupo...
EMPREGADO DE IBERIA: Teñen que facturar e sacar a tarxeta de embarque nesas máquinas e logo entregar as maletas no mostrador.
RAQUEL: Nuria, Sofía, collede as vosas maletas e ide á cola dos mostradores. É esta que empeza aquí enfrente, xira alá ao final á esquerda e debe ter como 50 metros máis de longo.
10:45. Auto Check-in Iberia.
Lorena, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
Dani, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
Isabel, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
(...)
Sofía, cinta da maleta e.... a máquina non imprime a tarxeta de embarque!
ISABEL (a un empregado de Iberia): A máquina non nos imprime a tarxeta de embarque, saímos as 11:45, somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras....
EMPREGADO DE IBERIA: Claro, agora teñen que facturar no mostrador, a máquina xa non lles deixa facturar máis.
11:00. Cola de facturación de Iberia
(a outros mil tampouco lles funcionou a maquiniña)
ISABEL: A onde vai vostede? Ah, a Tenerife. Pois nós somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras que vimos de Polonia e imos a Santiago e o noso avión sae as 11:45, imos perdelo.
(...)
ISABEL: Moitas grazas, adiantar unha posición na cola xa é moito. Sabe? Nós somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras...
(...)
ISABEL: Si, claro. Nós somos un grupo de cinco profesoras e dous alumnos que...
11:15. Cola de facturación de Iberia.
EMPREGADO DE IBERIA: O matrimonio do neno no colo e o grupo de estudantes.... veñan comigo por aquí, por favor....
RAQUEL: Pero... onde nos leva este?
ISABEL: Somos un grupo... imos perder o avión... saímos ás 11:45...
11:20. Mostrador de facturación de Iberia. Neste non había cola...
ISABEL: Somos un grupo de dúas profesoras e cinco alumnos que viaxamos a Santiago...
RAQUEL: A esta señorita xa llo contaches hai un momento...
11:25. Control de seguridade. Bastante antes do arco.
ISABEL: Somos un grupo de dúas profesoras e cinco alumnos, temos que coller o avión de Santiago das 11:45, non chegamos...
GARDA DE SEGURIDADE: Hai que madrugar máis...
11:30. Control de seguridade. No arco.
GARDA: Ten que abrir a maleta de man. Que é ese polviño branco que leva nos saquiños de tela?
ISABEL: Sal mineral das minas de Wieliszka en Polonia. Son patrimonio da humanidade e somos un grupo.... que imos perder un avión.
11:35. Control de seguridade. Despois do arco.
- Embarcamos pola K91, nese cartel di que tardamos 10 minutos en chegar.
-Correde...
-Eu non podo, levo o ordenador, a mochila, o bolso...
-Christian, corre e cando chegues alá di que somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras, que todos os que faltan chegan detrás de ti
11:44. Porta K91.
A porta asignada ao noso avión era a última da terminal, non había outra que estivese máis lonxe.
-Pasen estabamos agardando por vostedes... non busquen os seus asentos, a xente xa se recolocou, séntense onde atopen un oco.
ISABEL: Pensei que me daba un infarto.
- O que faltaba...

FIN DA VIAXE.

Ultimo día en Pszczyna. (Sabado 19 de Xuño).



8:00. Recollida no hotel do grupo 1.
ISABEL: Nenos (a Leopoldo e Xosé Manuel) a ver se preparades unha nota de prensa para enviar o luns, durante as horas que tedes que esperar no aeroporto.

14:00. Adeus a Pszczyna.

15:30. Despedida no aeroporto de Krakow.
Abrazos, bicos, moitos bicos, algunha lágrima, palabras de despedida dos polacos en castelán e dos galegos en polaco, aplausos, plans para atoparse no Facebook, no Twenti, en persoa outra vez, aquí ou alí, e últimas fotos.

22:00. Aeroporto de Barajas.
- Onde se colle o bus para ir ao hotel?
- Aquí, dixo Marisol que pasan cada cinco minutos.

23:00. Parada de autobús.
LORENA: O condutor do autobús que levou aos nenos e a Isabel dixo que o seguinte pasaba en dez minutos, non?
NURIA: Pois levamos agardando xa máis de media hora.
LORENA: Os minutos madrileños son moi diferentes aos galegos.
(...)

ISABEL (ao teléfono): Onde estades, nenas?
RAQUEL: Acabamos de subirnos ao bus, imos camiño do hotel.






jueves, 24 de junio de 2010

Pszczyna. Sexto largo. (Venres 18 de xuño)


8:00. Instituto de educación secundaria de Pszczyna.

O profesorado traballa no deseño das actividades do próximo curso. O alumnado recibe unha clase sobre o tema da arquitectura polaca feita a base de madeira.

SOFIA: A sala da miña casa é como de aquí a alí. E a da túa?

DANI: Eu vivo nun piso polaco. Sabedes como é un piso polaco? (...) Un piso polaco é un piso de aquí a aí. E xa pasaches pola sala, polo salón, polos tres dormitorios e a cociña.


11:30. Xantar.

Xarope de amorodos de postre. Justina tomou dous vasos.

ISABEL: Despois de sete días acábome de decatar de que o comedor e o salón de actos son o mesmo, están na mesma sala!

12:30. Excursión ao parque tecnolóxico Dam in Laka.
Dominica puxo traxe de astronauta. Paseo polo dique de tres quilómetros do encoro que dá de beber a Silesia.

SOFIA: Non entendo como aos polacos lles costa tanto falar o lituano se é o mesmo ruido!

16:30. Hora de ir de compras para levar recordos á familia.
Camisetas, bisontes (de peluche), figos confitados, máis camisetas, marmelada de cereixas, un óleo dun artista local, ámbar, "woaiuwa udilf z faovicja" en bote de cristal -aínda así non saberemos o que é ata que o probemos-, ámbar con mosquito, xarope de árbore, paté de setas...

-Non mercas nada, Nuria?
-Perdoa, Dani, pero mercaches un dragón feísimo.
-Si, pero imaxina que chegas á casa e vive.
-Pero ti dáste conta do que acabas de dicir?

18:30. Cea de despedida.
Presiden o tenente de alcalde e o concelleiro de economía. Lugar: "Kuchinia i Wino", seguramente o lugar máis elegante da vila ao que a xente acudiu coas súas mellores galas. Discursos de despedida, entrega de regalos aos convidados, bicos, abrazos e copiosas lágrimas.

-Non me aclaro con isto dos bicos. Cantos se supón que hai que dar?
-A min pásame igual, a metade das veces parece que fago un break dancing.
-Si e non sei cales dan o primeiro bico pola esquerda. Nunha destas chocas de fociños contra alguén.
-Sabedes como é? Os lituanos dan un bico, os galegos damos dous e os polacos dan tres.
-Lituania 1, Galicia 2, Polonia 3. Parece o marcador dalgún deporte.

(...)

- Viches o Headmaster? Como nos bicou a todos os extranxeiros, as profesoras de aquí metéronse con el e foinas bicando a todas unha por unha.

miércoles, 23 de junio de 2010

Pszczyna. Quinto largo. (Xoves 17 de xuño)


8:00. Instituto de Educación Secundaria de Pszczyna.
PROFESORADO. Traballo de creación de portas e rangos para subir á rede o e-journal.
ALUMNADO. Asistencia a unha clase de primeiros auxilios e participación noutra de música para aprender unha canción en polaco.

SOFIA: Onte tivemos unha festa e todos tocan instrumentos ou cantan. Tomas e a morena aquela, a guitarra, Victoria, Raminta e Haroldas, o piano...
CRISTIAN. E nós nin a frauta.
LORENA: Tocamos a frauta a base de broncas.

11:30. Xantar. Sopa de eneldo e zanco de polo.
- Dani, entendes algo?
- Non, pero eles tampouco a nós así que, que se fastidien.
(...)
- Que dixo ese?
- Dicía que os bombóns se derreteron por culpa do sun.
(...)
- Que fixestes esta mañá?
- Cantar en algo raro.
- Raro que quere dicir? En polaco?

12:30. Sobremesa deportiva no lago: carreiras de sacos, trineos e canoas.
NURIA: Non che parece que o aire de aquí e diferente ao de alá.
DANI: Siiii... Aire polaco.

13:30. Coincidimos casualmente cunha reportaxe de voda digna de mención.
Inicio clásico: ela á dereita e el á esquerda, ela á esquerda e el á dereita, ela diante e el detrás, ela detrás e el diante, ela de pé e el agachado, el agachado e ela de pé, ela en brazos del de fronte, a un lado, ao outro.
Desenvolvemento creativo: os dous sentados na area, un sentado e a outra deitada, un deitado e a outra sentada, os dous deitados un carón do outro, un enriba da outra, a outra enriba do un, un bico curto, un bico longo, un bico moi pero que moi longo, os dous saltando no aire, os dous a rolos pola area, descalzos e mollando os pés na auga.
Remate transgresor en plan "Ata onde van chegar estes?". Pois si, ata o límite, acabaron mergullándose como buzos, como "noivos rá", aparecendo para as fotos desde o fondo das augas vestidos de noivo e noiva! Ao final quixemos crer que eran modelos de axencia gravando unha reportaxe con dúas cámaras de vídeo e unha de fotos. Iso, ou ampliar o concepto de "horterada".

RAQUEL: Xa vos dan auga normal?
NURIA: A min aínda non. Só me dan auga con gas.

16:30. Barbacoa de chourizos crioulos con mostaza e ketchup.
Houbo quen comeu só un, houbo quen comeu dous e houbo un tal Christian que devorou catro. Houbo un estruturalista que investigou o concepto inverso, no canto da salchicha con mostaza, a mostaza con salchicha.

ISABEL: A ver se imos tomar un café que eu quero un té.

18:00. Velada teatral e musical.
Representación dunha peza de dez minutos, "Maiden Wedding" de A. Fredo, na que participaban tres alumnas e dous alumnos e que evocaba unha premesa entre dúas amigas que decidiran non coller mozo nunca.
As actuacións musicais consistían na interpretación de varias pezas do repertorio tradicional polaco por parte de dúas alumnas e un alumno, dirixidos pola profesora de música que tamén cantaba cos demais. Logo actuaría un trío de teclado, guitarra eléctrica e vocalista con varias pezas de música entre pop e rock. Pecharía o acto a actuación multitudinaria de todos os participantes no programa Comenius coa canción que aprenderan pola mañá.

LORENA: Eu perdín a coordinación, nin para tocar as palmas sirvo.

Quedaba aínda unha sorpresa: a coordinadora xeral fixo saír representantes dos outros países a improvisar algunha interpretación musical. Os lituanos fixeron un baile de corro infantil acompañados polo teclado onde unha alumna tamén interpretou unha peza en solitario e logo un alumno outra con guitarra.
Un membro da expedición galega cantou a capela "Garota de Ipanema" para que non se puxese en dúbida a nosa cultura musical, hai testemuño gráfico do valente espontáneo.
O acto rematou coa repetición de "Hit the road, Jack" peza de jazz interpretada pola brillante cantante polaca que xa amenizara o día da benvida.

AUDRONE: When are we going to have our trip to the lake?
XOSÉ MANUEL: In the evening, ou? Dixen "ou"! Pero mira que son animal!






viernes, 18 de junio de 2010

Aclaración

Onte pola noite, cando chegamos ao hotel, foise a luz, por iso non houbo nin blog nin fotos. Agora estamos poñéndonos guapos para a cea de despedida, que é as seis da tarde. Tal vez pola noite poidamos seguir co noso diario...

miércoles, 16 de junio de 2010

Pszczyna. Cuarto largo

06:30. Hora de erguerse, despois de dúas horas e media de luz.
08:00. Encontro no autobús e saída para Cracovia.

10:00. Visita ao castelo e catedral Wavel.
SOFÍA: E logo din que os rapaces non queremos aprender, pero se non nos dan nin tempo para mirar!
XOSÉ MANUEL: Parecemos Espidi González.
SOFÍA: Profe, ti sempre estás dicindo chistes.
10:15. Rúa Kanonicza.
RAQUEL: Nun cuarto de hora levamos vistos un castelo, unha catedral e un panteón.
LEOPOLDO: Esa fachada está decorada coa técnica do esgrafiado.
XOSÉ MANUEL: É moi común en Praga.
LUCI: Arredemo, estes españois saben máis de Cracovia ca min.
11:00. Rynek Glówny (praza do mercado).
Outra foto de grupo, e levamos...
DANI: estou tan cansado, que estou como que estou aquí, pero non estou.
NURIA: Comprades cada parvada!
12:00. Ao pé da torre de Santa María.
- Aí sae xa o trompetista para dar as doce. Representa a un ao que lle meteron unha frecha na gorxa hai catrocentos anos, por iso vai cortar de golpe a música.
(...)
- Cortar cortou de golpe, pero agora está saudando co brazo, vaia maneira de morrer!
- Non muller non, é que está espernexando.
13:30. Tempo libre para comer.
- Por fin comemos a unha hora normal.
15:30. Visita á Universidade.
- Este é o colexio onde deu clases Copérnico. Tedes quince segundos para velo.
- Vale.
- Marchamos.
- Eh? Xa?
- Pareceume ver a alguén coñecido aí dentro.
- Eran Don Xoan Carlos e Dona Sofía inagurando algo aquí...
- Non eran eles, era unha foto.
16:30. Minas de sal de Wieliczka.
- Fixádevos unha mina de sal que é patrimonio da Unesco.
- De quen dis que é a mina?
- Profe, que España vai perdendo 1-0 contra Suiza.
- Quen che dixo tal cousa?
- O meu correspondente, que lle chegou polo móbil.
- Estanche tomando o pelo. Como vai ter cobertura se estamos enterrados a máis de 100 metros de profundidade?
- Pois eu teño cobertura.
- Esta mina ten catedral e zona wifi.
21:00. Pszczyna.
FIN.

martes, 15 de junio de 2010

Pszczyna. Terceiro largo.

8:30. Instituto de Educación Secundaria de Pszczyna.
VÍDEO: Entrevistas 8 Interviews:
Suso de Toro -escritor.
Emilio Pérez Touriño -político.
Xosé Ramón Gayoso -presentador.
Jesús Vázquez -conselleiro.
Iván Raña -atleta.
Alberto Bouzas -cardiólogo.
Ángel Carracedo -científico.
Susana Seivane -gaiteira.

PRESENTACIÓN 1: O Barroco, un estilo europeo. Exemplos arquitectónicos en Polonia, Lituania e Galicia (España).
PRESENTACIÓN 2: Festividades e celebracións tradicionais en Galicia (España).
9:30 Presentacións dos equipos polaco e lituano.

11:30 XANTAR. (Ás 11:30!)

12:15 Visita á exposición sobre o IES Maruxa Mallo no instituto anfitrión.

12:30. Saída para a visita aos campos nazis de exterminio de Auschwitz e Birkenau.

13:30-18:00. Visita ao inferno.

Saímos co corazón encollido.

FIN

lunes, 14 de junio de 2010

Pszczyna: segundo largo


08:45. III LICEUM OGÓLNOKSZTALCACE.
- Pero o futbolín non era un invento galego?
- Pois este ten patente de Alemaña.
LUCY: Na presentación saídes alí e dicides "Ola"
AUDRONIA: Só podo dicir "Ola"? Unha palabra?
09:15. WELCOME.
(Presentación de alumnos e alumnas en polish english. Coros, danzas, música folklórica con harpa báltica antiga, ofrenda do pan e solistas de jazzzzzzzzzzzzz)
HEADMASTER: & aliora con la arshiésorya di mi professor partikjular di spaniol Dani, vi oy salutare a nuestrosh hueshpedesh spaniolesh.
- Onde está Audronia?
10:15. INTERMEDIO CAFETEIRO.
- Se non fora porque son de Ordes, este era o queique máis rico que probara na vida.
10:45. HISTORIA MAGISTRA VITAE EST.
LEOPOLDO: Que ben entendo xa o polaco!?
JUSTINA: Iso de aí arriba... é latín.
LEOPOLDO: Xa me parecía a min...
- Esta é a aula de inglés...
- Esta é a aula de informática...
- Esta é a aula de química...
- Esta é a aula de educación física. Están a facer ... Onde vas Isabel?
(...)
- É Isabel Steppingsky, a espontánea.
11:30. XANTAR.
XOSÉ MANUEL: Aínda non son as doce e xa comín tres veces!
- Que menú tan orixinal, caldo e filloas.
- É a primeira vez que deixo unha filloa no prato.
12:00. PAZO DO CONDE VON PLESS.
RECEPCIONISTA: Quen queira entrar, que poña chancletas.
VISITANTE: Que divertido é como patinar sobre xeo.
OUTRO: Si, ho, si. Que cara máis dura, o que queren é que enceremos o chan os visitantes.
- Pois eu non quería un pazo como este, ten moito que limpar!
13:30. CASA DO CONCELLO.
ALCALDE: ... e agora quero dirixir unhas palabras aos españois. Recibimos unha lección que non esqueceremos en moito tempo. Deséxovos que gañedes o mundial.
ALCALDE: ... e temos tres bisontes: dúas femias e un macho. Algúen ten algo que preguntar?
ISA: E se morre o macho?
ALCALDE: Malo será.
ISA: Non malo será si. Pero e se morre o macho?
CHRISTIAN: Nin as dúas da tarde son e xa nin podo coas pernas.
Where is Audronia?
14:30. PRAZA MAIOR.
JUSTINA: Se alguén quere cear, vaille sendo tempo.
ISA: Pois eu si, vou tomar un prato de spaguetti boloñesa.
XOSÉ MANUEL: A esta hora, toleaches?
20:20. RESTAURANTE DO HOTEL.
LEOPOLDO: Póñanos dous filetes de polo con patacas.
CAMAREIRA: É moi tarde, onde vai que cerrou a cociña.

domingo, 13 de junio de 2010

Pszczyna: primeiro largo.


11:00. Carrefour.
- Pero imos ir ás montañas nese autobús?
- Non ese está para o desguace, o noso é o guay!

12:30. Kolej Linowa Czantoria.
LUCY: (A que manda máis que Isabel) Hai cinco horas para subir esa montaña. Lembrastes traer o calzado cómodo que vos mandamos, espero (...) Era broma, pero o que perda o ticket baixa a pé.

13:00. Chegada do telesilla.
- Quen quera seguir subindo a montaña son 15 minutos e arriba hai unha torre con moi boas vistas.

13:30. REPUBLIKA CESKA (Chequia)
- A sorpresa era que agora tes un pé en Polonia e outro en Chequia.
- En dous días, en tres países.
- España, Alemaña, Polonia e Chequia... fan catro!

15:00. WISLA.
- Adam Maliysz?
- 53 Kg, 170cm, 3 veces campión olímpico de salto de esquí.
- Pero non é de chocolate branco?
- Cala, animal, que esa é a estatua!

15:15. Comida e tempo libre.
16:45. Rúa Real de Wisla.
ISABEL: Onde comestes?
DANI: Nunha pizzería.
ISABEL: E que comestes?
LORENA: Pizza, que habiamos comer?

17:10. Meeting point.
- Alguén viu ás profes de Lituania? Só faltan elas!

18:00. WISLA-MALINKA.
- Pero isto que é?
- Unha pista de salto de esquí.
- Desas que saen por ano novo na tele.
- Pero desde onde se tiran?
- Desde ala arriba.
- Pero onde caen?
- Aquí abaixo.
- E como paran?
- Entrando nese edificio.
- Imposible....

18:30. No autobús.
TOMEK: Dani, toma o micro e repite este trabalinguas en polaco, "rlijt niuew wiuhy uh weuyr"
DANI: Lsadg xlfgkñlf ñldirnpñ d
TODOS: Moi ben...

19:00. Fin do primeiro largo.

12 de xuño. Ida.


8:20. Lavacolla.

10:30. Retraso dunha hora.
"Suban ao avión. Estabamos agardando por vostedes para despegar: son os últimos!"

11:30. Barajas, terminal 4.
"Prefire ir á terminal 1 de Barajas en metro a 3€ por persoa ou en autobús de balde?"

12:30. Lufthansa.
"Facturen vostedes mesmos nesa máquina, teño que atender business class." :-/

13:30. Cafetería C37-C38.
ISABEL: Tendes 3 horas libres, rapaces... Aproveitade para facer este traballo. Son vinte páxinas de nada.

17:20. Porta C42.
RAQUEL: Facemos unha foto?
XOSÉ MANUEL: Si, pero que esté angulada.

NURIA: Dani, xogamos ao "veo-veo"
DANI: Vale, pero sen cores... que non me gustan.

XOSÉ MANUEL: Leopoldo, identificas esa cruz que se ve ao fondo?
LEOPOLDO: Eh.... Si, é... unha cruz que está alí...

20:30. Munich.
A máis breve estancia en Alemaña: 15 minutos.

21:20. No aire.
CHRISTIAN: Nuria, Sofía, Lorena! Deixade de mirar eses tíos só é o equipo universitario de balonmán de Málaga que vai xogar o campionato europeo a Chipre.

22:30. Aterraxe en Cracovia.
CHRISTIAN: (Asado coma un polo) Eu así non dou, eh, mimá!

Gota fría centroeuropea, lóstregos, tronos, pedra, inundacións.

01:30. Pszczyna.
Cada ovella coa súa parella.

Fin.

lunes, 17 de mayo de 2010

ENTREVISTAMOS A REPRESENTANTES DA SOCIEDADE GALEGA

Ao longo dos meses de abril e maio un grupo importante de profesores e alumnos/as do IES Maruxa Mallo levaron a cabo unha actividade que consistiu en elaborar o cuestionario das entrevistas, entrevistar aos persoeiros, trascribir as respostas e traducilas ao inglés.

Queremos expresar o noso agradecemento aos persoeiros que cederon o seu tempo e accederon a colaborar con nós nesta actividade.

Tamén felicitar aos xóvenes periodistas qeu amosaron os seus coñecementos e tamén a súa capacidade de traballo e as súas gañas de colaborar na realización dun traballo serio e ben realizado. Facemos constar tamén o excelente traballo que levaron a cabo o grupo de profesores/as encargados/as da parte técnica e tamén da corrección e redacción final dos textos.

A continuación tedes as entrevistas que levamos a cabo:

SUSO DE TORO inglés

jueves, 6 de mayo de 2010

NO MES DE XUÑO VIAXAREMOS A PSZCZYNA

Xa se achega a nosa próxima viaxe, aquí tedes a información sobre a data da viaxe e tamén quén son os que viaxarán:




DATA: do 12 ao 19 de xuño de 2012

PROFESORES/AS:

  • Mª Isabel Mato Torres
  • Raquel Rendo Martínez
  • Xosé Manuel Fernández Castro
  • Leopoldo Fernández Gasalla

ALUMNOS/AS:

3º ESO:

  • Nuria Romero Vidal
  • Christian Rodríguez Freijeiro

4º ESO:

  • Lorena Carneiro Lozano
  • Sofía Guadalupe Rodríguez Duarte
  • Daniel Núñez Sánchez
  • Lidia Remuiñán Rey

sábado, 27 de febrero de 2010

ACTIVIDADES DO ÚLTIMO DÍA

Chegou o último día no que recibimos aos nosos visitantes no instituto, pois marchan para os seus países o venres pola mañá. Este día serve para levar a cabo as últimas actividades (os alumnos comparan días de vacacións e festas das que disfrutan e as profesoras completan o e-journal), facer a avaliación da visita e entregar os diplomas e últimos recordos para todos.




Para que nos quede un bo sabor de boca invitáronnos a todos no Mesón de Deus, moitas grazas pola colaboración tamén deste establecemento.

RECÍBENNOS NO CONCELLO E VISITAMOS SANTIAGO

O mércores 24 de febreiro, tivemos un día moi completo. Comenzamos a mañá cos alumnos participando nunha clase de teatro e logo traballando todos xuntos para comparar as comidas dos tres países e elaborar un menú internacional; mentras as profesoras publicaban os artigos no e-journal.
Recibiunos o alcalde no concello, dando a benvida á vila aos nosos visitantes e comunicando que envían unha invitación ao concello de Druskininkai para facer un irmanamento, posteriormente, cando visitemos a cidade polaca, tamén nos gustaría que se produxese ese irmanamento con Pszczyna. Queremos agradecer ao concello as atencións que tiveron con todos nós, pois todos os nosos visitantes quedaron gratamente impresionados do recibimento que se lles proporcionou.
Pola tarde alumnos e profesores visitaron Santiago de Compostela, coñecendo a catedral, incluso o tempo lles permitiu subir aos tellados. Remataron a visita en Galicia dixital. Estamos tamén moi agradecidos ao deán da catedral que nos permitiu levar a cabo unha visita moi completa e cunha información privilexiada.

martes, 23 de febrero de 2010

HOXE COÑECIMOS A CIDADE DE A CORUÑA

Pola mañá tanto as profesoras como os alumnos e alumnas participantes no proxecto Comenius traballaron duramente, as profesoras comenzaron a publicar os traballos que se foron elaborando nos meses pasados no e-journal (ver o apartado correspondente da páxina web do instituto) e os alumnos e alumnas seguiron coñecendo diversas clases do centro, unha práctica de laboratorio e unha actividade no taller de tecnoloxía.
Pola tarde levamos a cabo unha viaxe a A Coruña, alí subimos no ascensor ao Monte de San Pedro, coñecimos a Torre de Hercules, recorrimos no autobús o paseo marítimo e dimos un paseo a pé pola cidade vella, a praza de María Pita, Calle Real... A pesar de que amenazaba choiva e que nos choveu algo, poidemos pasear e disfrutar da cidade de A Coruña.

lunes, 22 de febrero de 2010

PRIMEIRO DÍA DE ACTIVIDADES NO INSTITUTO

Hoxe tivemos a nosa primeira experiencia todos xuntos no instituto, cando os nosos visitantes chegaron ao centro, os nosos estudantes estaban agardándoos con moita curiosidade, desexando coñecelos.
Unha vez que lles dimos a benvida, ensinámosllelo centro e asistiron a algunha clase para que nos visen traballar tal como o facemos normalmente.
Despois do recreo os alumnos e alumnas foron á aula de plástica para participar nunha clase que impartiu Sabela para comparar a tres pintores, cada un representativo dun dos países que alí estabamos representados e logo expresar os seus sentimentos utilizando a pintura.
Mentras tanto as profesoras mantiveron unha primeira reunión para analizar o traballo que se ven realizando.
Comimos na cafetería un cocido para que coñezan unha comida típica do antroido.
Pola tarde cada país presentou os traballos que realizaron para ensinarnos o seu país e o funcionamento do centro educativo no que estudan. Tamén vimos o traxe típico de Lituania e dous alumnos lituanos bailaron un cha-cha-chá con moito estilo.
Un grupo de alumnos do centro tocaron, bailaron e cantaron música tradicional galega e, por último, o grupo de teatro do curso pasado interpretou a súa obra "sen palabras".
Como vedes tivemos un día moi axetreado, ahora imos descansar que mañá é outro día, e paréceme que tan movido como o de hoxe.
Mañán vos contaréi como nos vai

domingo, 21 de febrero de 2010

COÑECIMOS A COSTA DA MORTE

Hoxe, domingo 21 de febreiro, en plena alerta laranxa, fomos a coñecer a Costa da Morte, dende logo os nosos visitantes poideron comprobar o por qué do nome desa zona da nosa provincia.
Participamos nesta actividade: os nosos visitantes, catro profesoras do IES Maruxa Mallo e catro país dos alumnos que acollen aos alumnos que nos visitan.

A nosa primeira parada tivo lugar en Laxe, ali entraron en contacto coa praia, ainda que non estivera tempo para disfrutar dela; logo diríximonos a Muxía, ao santuario da Virxe da Barca, alí poideron disfrutar do forte vento, ver as olas que batían as rochas e coñecer a pedra de abalar e a pedra dos cadrís, tivemos a sorte de que a igrexa estivera aberta e así visen as maquetas de barcos que a decoran.

Despois de comer en Cee, diríximos cara o faro de Fisterra, onde disfrutamos das fermosas vistas da ría de Corcubión e do Océano Atlántico, e os nosos visitantes comprobaron a forza que pode levar o vento nestas costas galegas.

Seguimos a estrada que rodea a ría de Corcubión e chegamos a Muros, alí tras unha breve parada, e ante a forte chuvia que caía, decidimos voltar a Ordes, onde chegamos sobre as 19'00 horas.

A costa da Morte mostrounos toda a súa beleza, e tamén toda a súa forza, a natureza desatada en todo o seu explendor.

sábado, 20 de febrero de 2010

AGRADECEMENTOS

Para poder levar a cabo as actividades previstas nesta visita contamos coa axuda inestimable de:


  • AUCASA (Autos Carballo SA)
  • PAPELERIA ARUME
  • COMERCIAL VIQUEIRA












Tamén queremos agradecer a axuda para realizar as distintas actividades que nos proporcionaron:
  • O Deán da catedral de Santiago que nola ensinou e nos adicou o seu tempo
  • D. Manuel Viqueira que nos abriu o museo do traxe para poder ensinarllo aos nosos visitantes
  • Dna Milagros Trigo, directora do CPI O Cruce de Cerceda que nos facilitou o contacto cos outros centros e ademáis prestou a súa axuda cantas veces lle foi solicitada, a súa gran experiencia traballando nos proxectos Comenius foinos de gran axuda, e esperamos seguir contando coa súa colaboración si é necesario.

ACTIVIDADES PREVISTAS NA REUNIÓN DE ORDES

VENRES 19 DE FEBREIRO: chegan os nosos visitantes
SÁBADO 20 DE FEBREIRO:
  • pola mañá: os alumnos/as descansan ou coñecen Ordes e as profesoras coñecen Santiago
  • pola tarde: todos visitan o museo do traxe, fan actividades no KARTING ORDES e despois participan no desfile de antroido.
DOMINGO 21 DE FEBREIRO: imos ensinarlles a COSTA DA MORTE aos nosos visitantes
LUNS 22 de FEBREIRO: estamos no IES Maruxa Mallo levando a cabo actividades moi variadas
MARTES 23 DE FEBREIRO: pola mañán traballamos no instituto e pola tarde imos coñecer A CORUÑA
MÉRCORES 24 DE FEBREIRO: traballamos no instituto, recíbennos e agasállanos no CONCELLO, e logo pola tarde coñecemos SANTIAGO DE COMPOSTELA.
XOVES 25 DE FEBREIRO: pola mañá levamos a cabo as derradeiras actividas e invitamos o tódolos participantes no proxecto no MESON DE DEUS, pola tarde a actividade e libre
VENRES 26 DE FEBREIRO: despedímonos dos nosos visitantes
ATA O PRÓXIMO ANO!

XA CHEGARON OS NOSOS COLEGAS DE LITUANIA E POLONIA


Onte, venres día 19 de febreiro, tal como estaba previsto, chegaron catro profesoras e seis alumnos/as de Polonia e catro profesoras e catro alumnos/as de Lituania.


Tiveron unha longa viaxe, polo tanto chegaron cansados/as, os que procedían de Lituania chegaron a Labacolla e os que viñan de Polonia ao aeroporto de A Coruña, alí foron recibidos polas familias coas que van a estar esta semana os alumnos e por Isabel, Marisol e Rosa para levar ás profesoras ata o hotel no que se aloxarán.


Esperamos que descansen pois temos previsto unha chea de actividades para aproveitar esta semana.

sábado, 30 de enero de 2010

SOMOS COMENIUS

O pasado xoves día 28 de xaneiro tivo lugar unha xuntanza en Santiago de Compostela á que asistimos representantes dos 90 centros de Galicia que participamos nos proxectos Comenius, alí compartimos experiencias e ademáis entregousenos unha placa para que no centro conste nun lugar preferente a información de que nos tamén SOMOS COMENIUS.

jueves, 14 de enero de 2010

PRÓXIMAMENTE RECIBIREMOS AOS NOSOS COLEGAS DE LITUANIA E POLONIA

O venres 19 de febreiro chegan a Ordes un grupo de profesoras e alumnos/as de Polonia e Lituania, estarán con nós ata o seguinte venres realizando unha gran cantidade de actividades que lles estamos a organizar. Nesta reunión coñeceremos os documentos que estamos creando e planificaremos as actividade futuras.
Estamos desexando recibir aos que nos veñen a visitar e esperamos que a experiencia sexa moi enriquecedora para todos e todas.