domingo, 10 de octubre de 2010

Lituania, sábado 9 outubro

Tocou madrugar. Ás 8 da mañá comezou a volta á casa. Primeiro dúas horas en minibús desde Druskininkai ata o aeroporto de Vilnius. Ás 11.30 saíu o avión cara Helsinki e unha hora despois xa estabamos alí. Como o seguinte avión non saía ata as 5 da tarde tivemos tempo de comprar nas tendas do aeroporto finlandés, de xantar unha boa hamburguesa na maioría dos casos, e de facer contas con Isabel, que non nos perdonou nin unha Lita, porque quere que as contas lle cadren. Ás 5 en punto saímos cara Madrid nunha looooonga viaxe de algo máis de catro horas que se fixeron eternas. Nico non se cansaba de preguntar se faltaba moito. Pero ao chegar a Madrid agardábanos unha sorpresa: o voo a Santiago tiña retraso de polo menos unha hora!!! Así que armámonos de paciencia, tomamos algo no aeroporto, charlamos... e por fín ás 23.30 embarcamos rumbo ao noso fogar. Estabamos tan cansos que case todos quedamos durmidos antes de que o avión despegase!!! Cando nos demos conta xa estabamos saúdando ás nosas familias en Lavacolla e logo dunha breve charla con todos cada un marchou cos seus contando todas as aventuras desta magnífica semana.


Lituania, venres 8 outubro

Hoxe comezamos o día como auténticos artistas, creamos obras de arte con sal!!! E na compaña dun verdadeiro artista de renome desta zona que ten o seu taller nunha casa cunha paisaxe espectacular, como se pode ver nas fotos.

Despois visitamos 'Grutas Park', que nos serviu de lección práctica sobre o recente pasado do país cando estaba baixo o dominio de Rusia. Un veciño de Druskininkai decidiu recoller todas as estatuas de Stalin, Lenin e outros ditadores rusos que había por todos os pobos e cidades de Lituania e colocounas todas neste parque para que a poboación recorde o seu duro pasado e desta forma evitar que volva a repetirse. Cando decidiu levar a cabo este proxecto había moita xente en contra porque lles traía moi malos recordos e aínda hoxe moitos cidadáns lituanos non son capaces de entrar aquí.

A eso das tres da tarde tivemos a 'Cea de despedida'. Si, si, non é un erro, CEA ás tres da tarde! Xa estamos acostumados a este horario tan particular de comidas. Foi todo un evento: o alumnado nun comedor e o profesorado noutro. Pero antes de empezar a disfrutar da cociña lituana, fíxose entrega, con toda solemnidade, dos diplomas e regalos aos alí presentes.

A partir das cinco cada quen acabou o día como quixo: compras, paseos, xogos,...facer equipaxes e... creo que ninguén se perdeu o partido de fútbol entre España e Lituania, no que gañou España 3-1, como todo o mundo esperaba.

Lituania, xoves 7 outubro

Hoxe as profes empezaron o día traballando no proxecto Comenius e o alumnado visitando clases no colexio. Como puidestes ver nas fotos de onte agora temos estudantes e profes xaponeses no grupo. Esta mañá o alumnado nipón presentou diferentes traballos sobre o seu país e logo todos compartiron xogos populares das catro nacionalidades alí presentes. Despois de comer fomos ver o 'Forest Eco Museum' onde disfrutamos dun entorno excepcional, un bosque precioso cheo de esculturas de madeira e tivemos ocasión de coñecer a fauna desta parte de Lituania. Ía un frío tremendo!!! A continuación leváronnos ao Concello onde nos recibiu a Vicealcaldesa (o Alcalde estaba de viaxe) e intercambiamos regalos e saúdos. E para acabar o día da mellor maneira posible e para quitarnos o frío do corpo agardábanos o Aqua Park onde durante 3 curtas horas disfrutamos de todas as atraccións coas que conta este parque acuático. Saímos arrugados coma pasas!!! A ver que nos espera mañá.

miércoles, 6 de octubre de 2010

Lituania, mércores 6 outubro

Hoxe tocaba excursión de todo o día pola capital, Vilnius (Vilna). É unha cidade moi bonita. Primeiro visitamos a colina das Tres Cruces (Daniel non puido ir porque había que subir unha tremenda costa e logo baixar por un sitio con escaleiras e esbaradizo), e a continuación fixemos un percorrido pola cidade, entramos na catedral e nalgunha outra igrexa importante, paseamos pola rúa principal e tivemos algo de tempo para mercar regalos. Despois, pola tarde fomos ao impresionante Castelo de Trakai onde nos divertimos moito e fixemos moitas fotos.

martes, 5 de octubre de 2010

Lituania, martes 5 outubro

A sesión de hoxe empezou coa presentación Power Point por parte do equipo galego. O noso alumnado fixo unha introdución en inglés digna de ser gravada. O traballo consistía nunha comparación dos tres países implicados sobre a localización, poboación, xente importante, política, cultura...onde se plasma os coñecementos que os nosos rapaces e rapazas adquiriron ao longo do curso pasado sobre Lituania e Polonia. Á vista dos aplausos e parabéns recibidos cremos que foi todo un éxito.
Hoxe aquí era o "Teachers' Day", é dicir, o Día do Profesor e celébrano dunha maneira moi curiosa: os alumnos do último curso danlles clase aos do primeiro nivel perfectamente traxeados e engarabatados. Chamounos moito a atención que cada alumno lle daba unha flor ao seu titor.
Despois de xantar fixemos unha ruta a pé por Druskininkai para coñecer os lugares máis emblemáticos do pobo: río Némunas, embarcadeiro, a fonte da beleza, a estatua emblema do pobo, o mellor balneario, o lago, a praia... O pobre de Daniel fixo unha paréntese de relax mentras durou o paseo cargando pilas para a viaxe de mañá a Vilnius, capital de Lituania.

lunes, 4 de octubre de 2010

Lituania, luns 4 outubro

Esta mañá visitamos dous dos pobos máis famosos e bonitos dos arredores. Primeiro Merkine é un dos pobos máis antigos de Lituania e alí conflúen dous ríos, o Nemunas e o Merkys. A paisaxe quita a respiración. Daniel tivo que conformarse con velo desde abaixo da pequena colina.
O segundo pobo foi Liskiava na beira do río Némunas e, aparte da paisaxe, destaca un antigo mosterio dominico, de estilo barroco e con altares rococó.
Logo de xantar no comedor do colexio a directora do Instituto dounos a benvida e fixemos o habitual intercambio de regalos e logo ensinaronnos o centro. O resto da tarde foi para descansar e que os alumnos se relacionasen e coñecesen mellor.

domingo, 3 de octubre de 2010

Lituania, domingo 3 outubro

Unha da mañá, boa hora para chegar dunha longa excursión ata Klaipeda, costa lituana situada a "so" 5 horas en autobús. Cruzamos a Lagoa Coronian nun ferry para disfrutar dunha visita ao Museo do Mar e das dunas que forman parte dun bonito parque natural.

Tamén descubrimos como senta cear ás tres da tarde.

Entre outros lugares estivemos en: The Dead Dunes, Costa Negra, The Hill of Witches, Parnidis Dune, in Nida, Niringa... E xa podemos dicir que coñecemos o mar Báltico!

sábado, 2 de octubre de 2010

LITUANIA, Sábado, 2 octubre 2010

Viaxe Santiago- Madrid todo moi ben, pero aínda medio durmidos. Daniel foi tratado a corpo de rei, en silla de rodas a todas partes.
Viaxe Madrid- Helsinki tamén sobre horario previsto e un voo agradable aínda que o piloto pensou que eramos canguros na aterraxe. Preciosas vistas. Tempo soleado. Daniel sigue a corpo de rei.
Viaxe Helsinki-Vilnius case sen espera no aeroporto e nun avión que parecía de xoguete polo pequeno. Chegamos á hora exacta e o minibus levounos en 2 horas ata Druskininkai onde estaban agardando as familias. Boas noites que mañá temos que madrugar para ir á praia ao mar Báltico.

IMOS DE NOVO A DRUSKININKAI

Hoxe sábado 2 de outubro 6 alumnos/as e catro profesoras do IES Maruxa Mallo saíron cara a Druskininkai para seguir intercambiando experiencias cun centro educativo de Lituania e outro de Polonia e así continuar traballando no noso proxecto Comenius e publicando o noso e-journal.
Desexamos aos nosos embaxadores que aproveiten a experiencia, leven a cabo moitas actividades e coñezanan un novo país.
Esperamos noticias dos viaxeiros neste blog a partir da próxima semana.