sábado, 26 de junio de 2010

E case non chegamos a Ordes (Domingo 20 de Xuño)

(DESTA PARTE DA VIAXE NON HAI TESTEMUÑA GRÁFICA)
9:40. Hotel Axor Feria.
-Estamos todos preparados? Pois imos baixando...
-No cartel poñía que con estar dez minutos antes da hora era suficiente...
-Bah, total non estabamos facendo nada nas habitacións.

9:50 Hotel Axor Feria.
ISABEL: Estou empezando a poñerme nerviosa...
(...)
ISABEL: Hai demasiada xente esperando, como veña o autobús de 11 prazas, non cabemos.

9:55. Hotel Axor Feria.
ISABEL: E o autobús que non chega, imos perder o avión.
RAQUEL: Rapaces, achegádevos aquí, máis cerca de onde para o bus.

10:00. Hotel Axor Feria.
ISABEL: E nada, que non vén, mira que como tarde o mesmo que onte... imos perder o avión.
(...)
ISABEL: Pois imos perder o avión, non nos vai dar tempo a facturar...

10:05. Hotel Axor Feria.
ISABEL: Aí vén o bus, non cabemos.
CONDUTOR: Pero, aquí hai moita xente, non caben todos.
RAQUEL: Xa, pero nós temos reserva...

10:10 Hotel Axor Feria.
ISABEL: Non chegamos, non chegamos.
(...)
ISABEL: Ah! e por riba temos que agardar por eses que chegan retrasados. Nada, perdemos o avión.

10:35. Aeroporto de Barajas. T4.
RAQUEL: Temos que facturar nesas máquinas.
ISABEL: Pero, esa é a cola para entregar as maletas? Perdemos o avión...

10:40. Auto Check-in Iberia.
RAQUEL: Di que non atopa o avión correspondente a este localizador.
ISABEL (a un empregado de Iberia): A máquina non nos deixa facturar. Somos un grupo...
EMPREGADO DE IBERIA: Teñen que facturar e sacar a tarxeta de embarque nesas máquinas e logo entregar as maletas no mostrador.
RAQUEL: Nuria, Sofía, collede as vosas maletas e ide á cola dos mostradores. É esta que empeza aquí enfrente, xira alá ao final á esquerda e debe ter como 50 metros máis de longo.
10:45. Auto Check-in Iberia.
Lorena, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
Dani, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
Isabel, cinta da maleta e tarxeta de embarque.
(...)
Sofía, cinta da maleta e.... a máquina non imprime a tarxeta de embarque!
ISABEL (a un empregado de Iberia): A máquina non nos imprime a tarxeta de embarque, saímos as 11:45, somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras....
EMPREGADO DE IBERIA: Claro, agora teñen que facturar no mostrador, a máquina xa non lles deixa facturar máis.
11:00. Cola de facturación de Iberia
(a outros mil tampouco lles funcionou a maquiniña)
ISABEL: A onde vai vostede? Ah, a Tenerife. Pois nós somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras que vimos de Polonia e imos a Santiago e o noso avión sae as 11:45, imos perdelo.
(...)
ISABEL: Moitas grazas, adiantar unha posición na cola xa é moito. Sabe? Nós somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras...
(...)
ISABEL: Si, claro. Nós somos un grupo de cinco profesoras e dous alumnos que...
11:15. Cola de facturación de Iberia.
EMPREGADO DE IBERIA: O matrimonio do neno no colo e o grupo de estudantes.... veñan comigo por aquí, por favor....
RAQUEL: Pero... onde nos leva este?
ISABEL: Somos un grupo... imos perder o avión... saímos ás 11:45...
11:20. Mostrador de facturación de Iberia. Neste non había cola...
ISABEL: Somos un grupo de dúas profesoras e cinco alumnos que viaxamos a Santiago...
RAQUEL: A esta señorita xa llo contaches hai un momento...
11:25. Control de seguridade. Bastante antes do arco.
ISABEL: Somos un grupo de dúas profesoras e cinco alumnos, temos que coller o avión de Santiago das 11:45, non chegamos...
GARDA DE SEGURIDADE: Hai que madrugar máis...
11:30. Control de seguridade. No arco.
GARDA: Ten que abrir a maleta de man. Que é ese polviño branco que leva nos saquiños de tela?
ISABEL: Sal mineral das minas de Wieliszka en Polonia. Son patrimonio da humanidade e somos un grupo.... que imos perder un avión.
11:35. Control de seguridade. Despois do arco.
- Embarcamos pola K91, nese cartel di que tardamos 10 minutos en chegar.
-Correde...
-Eu non podo, levo o ordenador, a mochila, o bolso...
-Christian, corre e cando chegues alá di que somos un grupo de cinco alumnos e dúas profesoras, que todos os que faltan chegan detrás de ti
11:44. Porta K91.
A porta asignada ao noso avión era a última da terminal, non había outra que estivese máis lonxe.
-Pasen estabamos agardando por vostedes... non busquen os seus asentos, a xente xa se recolocou, séntense onde atopen un oco.
ISABEL: Pensei que me daba un infarto.
- O que faltaba...

FIN DA VIAXE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario